A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a cuarta relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 3, para o fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, do “Plan Concellos 2018“. Así, tal e como informou a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, Arbo, Covelo, Mondariz, Moraña, Pazos de Borbén, Portas e Silleda son as vilas que van recibir preto de 750.000 euros para a contratación de 102 persoas ao abeiro da liña 3 do “Plan Concellos 2018”.
Máis polo miúdo, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que Arbo recibirá 94.336,32 euros para 16 postos de traballo de obras públicas, horticultura-xardinería, condución de vehículos e manexo de maquinaria agrícola, tarefas de axuda no fogar, servizos xerais e mantemento da rede de sumidoiros.
A Covelo, o goberno de Carmela Silva achega 102.311,14 euros para contratar a 21 persoas que ocuparán postos de traballo relacionados coa limpeza, mecánica, condución de camión, forestais, albanelería, carpintería e socorrismo. Pola súa banda, destina 115.822,52 euros a Mondariz para contratar a 19 persoas para desempeñar tarefas forestais, de construción e de axuda no fogar.
Tamén, a Deputación de Pontevedra vai destinar 106.477,20 euros a Moraña para que o concello poida contratar a 9 traballadoras ou traballadores para obras públicas, albanelería, limpeza, condución de camión, condución de tractor e animación sociocultural. En canto a Pazos de Borbén, o goberno de Carmela Silva destinará 90.456,42 euros para contratar a 16 persoas que se encargarán de tarefas relacionadas coa construción e condución de camión.
Portas recibirá 85.596,77 euros para contratar a 10 persoas que desenvolverán actividades relacionadas coa condución de camión e tractor, limpeza, xardinería e obras públicas. E, amais, a Xunta de Goberno da Deputación aprobou 153.906,27 euros para que Silleda poida contratar a 11 traballadoras ou traballadores para administración, limpeza, xardinería e albanelería.
Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, é dicir, un 2,5% máis que no 2017. Coas achegas aprobadas en Xunta de Goberno para os concellos de Arbo, Covelo, Mondariz, Moraña, Pazos de Borbén, Portas e Silleda, “xa está concedido o 45% da liña 3, é dicir, máis de 4 millóns de euros que están a beneficiar xa a 30 vilas da provincia e a máis de 500 traballadores e traballadoras”, segundo informou a presidenta provincial.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.