45 alumnas e alumnos de Enxeñaría, de Bioloxía, de Publicidade e Relacións Públicas… traballando xuntos en solucións tecnolóxicas innovadoras que responden a retos sociais e coas que se busca construír un mundo mellor. O Teatro Roberto Vidal Bolaño da Cidade Universitaria de Vigo acolle desde este xoves e ata mañá sábado a quinta edición en Vigo de HackForGood, un evento promovido pola Cátedra Telefónica e que se desenvolve de forma simultánea en dez cidades españolas (Madrid, Valencia, Sevilla, Murcia, Las Palmas…). Estes particulares ‘hackers bos’ teñen por diante un día e medio de ‘hackaton’, horas nas que terán que traballar e loitar para que o seu proxecto sexa un dos elixidos e poder así facerse cun petisco dos 60.000 euros que se reparten a nivel nacional en premios, 4000 en Vigo.
O encontro foi inaugurado polo reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta de Telefónica Galicia Marta Menéndez, que se amosaron “tremendamente satisfeitos”, coa evolución que está a amosar esta actividade e o gran nivel adquirido nas últimas edicións. “Pola nosa banda estamos convencidos de que é básico tender pontes entre a universidade e a empresa e, no caso de Telefónica, temos con eles o desexo común de que o talento que sae das aulas sexa capaz de coordinarse e, entre todos, promocionar o desenvolvemento social e económico da nosa contorna”, subliñou Reigosa, que agradeceu á representante de Telefónica a súa aposta pola Universidade de Vigo. Sobre a evolución de HackForGood, a representante en Galicia da compañía, fixo fincapé en que o éxito do programa provocou que este ano se sumaran ao encontro outras dez universidades de toda España “acadándose a maior cifra de universidades participantes dos últimos sete anos, que é o tempo que leva organizándose o HackForGood, os últimos cinco con presenza aquí en Vigo”, recalcou Menéndez, que se referiu ás 25 cátedras coas que conta esta empresa na actualidade –distribuídas en 23 universidades públicas e privadas- como a mellor maneira de achegarse ao talento universitario.
Tras a inauguración, o reitor e a responsable en Galicia de Telefónica, puideron coñecer de primeira man os proxectos nos que están a traballar cada un dos equipos. Fixeron o percorrido pola sala acompañados polo responsable da Cátedra Telefónica da Universidade de Vigo, o profesor José Cidrás, quen destacou o interese desta iniciativa non só para os estudantes, senón tamén para os docentes. “No noso caso podemos aprender outros xeitos de impartir as nosas clases. Eu a partir desta experiencia, durante as cinco edicións que levamos na UVigo, incorporei a metodoloxía docente chamada Aprendizaxe Baseado en Proxectos (ABP) ás miñas clases; metodoloxía na liña deste evento”, recalcou Cidrás.
Varios proxectos con selo ‘eco’
Nesta edición de HackForGood participan un total de 12 equipos, compostos por alumnas e alumnos de diferentes titulacións, sobre todo do campus de Vigo, pero tamén de Pontevedra e Ourense. Boa parte dos participantes proveñen das enxeñarías, pero este ano destaca tamén a implicación do alumnado da Facultade de Bioloxía, que participa no encontro con varios proxectos de carácter ecolóxico. Nesta liña, Nerea Montes e Seila Crespo son as impulsoras de Ecosheep, unha explotación de ovellas ecosostible e respectuosa cos animais; e Nicolás París e Marta Barandela participan con Bolboretario Vigo, un proxecto centrado na recuperación de insectos, “pois, aínda que non somos conscientes, está a haber unha extinción masiva deles, debido sobre todo ao cambio no modelo de agricultura, ao notable incremento do uso de funxicidas… e, se ben non sempre se lle dá a importancia que teñen, son ‘supernecesarios’ porque forman parte dos ecosistemas e, caso de que chegasen a desaparecer, o mundo tamén remataría”.
Sensor para evitar asfixias por calor dentro de vehículos
Desde a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Diego Albo, Aitor González, Ana Barros e Fabio e Adrián Iglesias, traballan nun innovador sensor que sirva para evitar accidentes, sobre todo de nenos/as e animais, debido a asfixia por calor no interior de vehículos. “Está comprobado que a temperatura corporal dun neno aumenta unhas cinco veces máis ca dun adulto, de aí a perigosidade de que un cativo poida quedar dentro dun coche nun día de verán”, explica Diego Albo, que fai fincapé en que o sistema que están a deseñar neste encontro “se podería instalar en calquera vehículo, independentemente da súa antigüidade, e tería un baixo custe”. Os puntos básicos serían a detección do perigo, a primeira toma urxente de medidas (baixada das ventás, e apertura de portas) e o aviso aos propietarios e servizos de emerxencias.
No caso de Marta Rodríguez, forma parte dun equipo composto por cinco estudantes de Enxeñaría de Telecomunicación e unha alumna de Publicidade e Relacións Públicas, que defenden o proxecto Pill O’clock, un estoxo de pastillas electrónico conectado a unha aplicación e a unha pulseira para facilitar a toma de medicación a persoas polimedicadas e o seguimento e a xestión aos seus coidadores/as. “Consistiría nun estoxo físico con compartimentos que identificase exactamente o que corresponde a cada toma, con alarmas para lembrarlle ao usuario a que hora a ten que tomar, e notificacións na aplicación do coidador sobre cantos medicamentos quedan, se fai falla comprar algún, se se esqueceu de tomar algunha toma…”, explica a alumna, para quen esta é a súa primeira experiencia no Hackforgood.
Na edición viguesa repártense 4000 euros en premios
Na edición viguesa de HackForGood repartiranse un total de 4000 euros en premios: 1000 para o primeiro premio, 600 para o segundo e 400 para o terceiro. A maiores haberá tamén catro premios temáticos, dotados cada un deles con 500 euros: á innovación social, á innovación enerxética, a sostenibilidade e o medio ambiente.
Os equipos gañadores en cada sede competirán despois por algúns dos premios que se reparten a nivel nacional.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.