O profesor da Escola de Enxeñería Industrial José Ignacio Armesto, coordinador do Máster de Mecatrónica, recibiu este xoves en Madrid o premio anual ISA-Sección Española ao mellor profesional, un premio co que esta asociación, a máis importante a nivel internacional no sector da automatización, recoñece o labor deste docente ao longo da súa carreira profesional e todo o apoio prestado a asociación, así como a súa dedicación ás tarefas que vén desenvolvendo o comité executivo de ISA España.
“A nivel persoal recibir este premio supón para min un gran orgullo, pero teño que aclarar que este recoñecemento é sobre todo un premio á actividade que realizamos no grupo de investigación ao que pertenzo no Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, na Escola de Enxeñería Industrial e, por suposto, na Universidade de Vigo”, explica Armesto, quen recibiu o premio da man do presidente de ISA Internacional Paul Gruhn nunha cerimonia celebrada en Madrid ao abeiro da conferencia anual de ISA España.
A relación entre José Ignacio Armesto, especialista en enxeñaría de sistemas no contexto da automatización industrial, e ISA España remóntase a hai preto de 15 anos coa celebración en 2004 da primeira edición das Jornadas de Automatización Industrial, JAI, que por aquel entón comezaban a súa andaina cun conxunto de conferencias ofrecidas por diversos representantes do sector da automatización industrial. “EN JAI 2004 tiven a ocasión de coñecer a varios membros do comité de ISA Spain e, desde entón, colaboramos de forma continuada”, apunta Armesto, quen tamén recalca que ao longo destes anos se levan organizado diversas reunións técnicas na Escola de Enxeñería Industrial e, a nivel persoal, ten asistido e participado en diferentes mesas redondas da súa conferencia anual e xornadas técnicas ao longo de toda España. Ademais, desde hai un par de anos a Universidade de Vigo conta cunha sección de estudantes de ISA da que Armesto é profesor ‘advisor’.
“É todo un orgullo que decidiran premiar o labor profesional que realizamos na UVigo”
ISA, The International Society of Automation, é unha asociación internacional sen ánimo de lucro enfocada a axudar aos seus máis de 30.000 membros repartidos por todo o mundo e, no caso da súa sección española, está formada actualmente por máis de 400 profesionais asociados e medio cento de empresas patrocinadoras. Nesta asociación están representados todos os entes relevantes da automatización industrial a nivel profesional, tanto provedores tecnolóxicos (Siemens, Rockwell Automation, Schneider Electric…), como grandes clientes (Respsol, Cepsa, Enagas, Tetrapak…) e destacadas firmas de enxeñaría, entre elas as galegas Syspro ou Ati Sistemas.
“Na miña opinión creo que é todo un orgullo que decidiran premiar o labor profesional que realizamos na Universidade de Vigo”, explica Armesto, quen recalca o feito de que con este galardón “a UVigo posiciónase como un referente nacional no ámbito da automatización industrial, cando menos de cara á transferencia e intercambio de coñecemento e o desenvolvemento das relacións empresa-universidade. Pola miña banda, porei se cabe, aínda máis afán en seguir potenciando esta relación”.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.