A xornalista monfortina Julia Otero recolle hoxe en Ferrol o XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol. Otero destacou a “responsabilidade” de recibir este galardón e defendeu a “formación e as mobilizacións” contra os ataques á liberdade de prensa.
Julia Otero, XIV Premio José Couso de Liberdade de Prensa, participou esta tarde nunha rolda de prensa posterior á recepción institucional no Concello de Ferrol. A premiada estivo acompañada pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria; e o alcalde de Ferrol, Jorge Suárez.
A xornalista afirmou que o premio José Couso é un galardón con “prestixio nacional e internacional” que significa unha “responsabilidade, polo nome que ten e polo compromiso moral que conleva”. Otero confesou que, cando soubo que era gañadora, pensou “por que o podería merecer”, cando ela mesma se excluía ante as outras candidaturas. Ademais, a xornalista sentirse “emocionada” por unha mensaxe da irmá de José Couso que lle dicia que a súa nai estaba feliz por saber que o premio ía para ela.
A preguntas dos xornalistas, Otero recoñeceuse “moderadamente optimista” fronte á “cuarta vaga do feminismo” que parece que estamos a vivir, e confiou en que sirva para ver a máis mulleres en postos de responsabilidade nos medios. En canto á liberdade de prensa, mostrou menos confianza, ao afirmar que “non estamos nun bo momento, o mundo avanza nun sentido preocupante, vaise en contra das liberdades”. Fronte a isto, avogou pola “educación, a formación, e as mobilizacións que fan que se removan as cousas” para combater o recorte de dereitos.
Ofrenda floral e actos no Teatro Jofre
Ás 17:30 horas realizouse a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’ de Manuel Patinha, situada no Cantón de Molíns, onde a xornalista Marta Corral foi a encargada de ler un texto en nome da organización.
A partir das 19:00 horas da tarde, o Teatro Jofre acollerá o acto de entrega do galardón, conducido pola xornalista Almudena Marcos. No acto, vai darse lectura ao manifesto do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia con motivo do Día Internacional da Liberdade de Prensa, redactado polo primeiro decano do Colexio, Xosé María García Palmeiro, que reivindica o oficio de “informar e servir á cidadanía” fronte ás incertezas dunha “profesión case sempre marcada pola urxencia e tamén, xaora, pola precariedade”.
A continuación, Julia Otero recibirá o galardón desta XIV Edición do Premio José Couso de mans de Francisco X. González Sarria, decano do Colexio de Xornalistas, e Xulia Díaz Sixto, presidenta do Club de Prensa de Ferrol. Tras a entrega, ás 19:30, dará comezo o tradicional Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do coro vocal Concerto Tempo.
A premiada
Julia María Otero Pérez (Monforte de Lemos, 1959) chegou á radio de maneira casual e á idade de 17 anos, na emisora Radio Sabadell. Pasou por Radio Juventud e por Radio Miramar, ambas de Barcelona. A súa carreira en televisión iníciase paralelamente no 1987, aparecendo en varios programas nos seguintes anos, todos eles ligados a Televisión Española. En 1991 volve á radio, á Onda Cero con La Radio de Julia, ata que, en 1999, a ONCE vende a emisora ao Grupo Telefónica que decide retirar o seu programa a pesar de ser líder de audiencia, o que causou bastante polémica dado que se atribuía a cuestións políticas.
Máis tarde volvería á televisión, a TV3 e a TVE. De xaneiro de 2006 a xullo de 2007 dirixiu e presentou Protagonistas no seu último tramo. Pero en setembro de 2007 volveu a Onda Cero e dende entón presenta e dirixe o programa Julia en la onda, combinándoo con algunhas aparicións en TVE e Antena 3. Ten recibido numerosos galardóns tanto polo seu traballo en radio como en televisión, entre eles catro Premios Ondas, dous Micrófonos de Ouro, un Antena de Ouro, dous TP de Ouro ou o Premio Ciutat de Badalona de Comunicación, que a sitúan como unha das xornalistas de maior recoñecemento na actualidade.
Julia Otero sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016) e Xosé Hermida (2017) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.