O exministro de Comercio Exterior de Costa Rica Alberto Trejos analiza a propagación dos ‘shocks’ económicos en Vigo

Organizado pola Rede de Galega de Investigación en Análise Económica e Estratexia Empresarial
Publicado por o día 08/05/2018 na sección de Universidade de Vigo

O exministro de Comercio Exterior de Costa Rica Alberto Trejos analiza a propagación dos ‘shocks’ económicos en Vigo

Entender de que xeito un shock nunha parte da economía mundial se transmite ao resto desa economía global. Nesta cuestión afonda o artigo Trade and the propagation of global shoks de Alberto Trejos e Pedro Cavalcanti Ferreira, que hoxe foi presentado polo propio Trejos nun seminario celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, organizado pola Rede Galega de Investigación e Análise Económica e Estratexia Empresarial, coa colaboración de Ecobas. “En economía, polo xeral, pensamos como que somos un só mercado e se somos un só mercado o que pasa aquí, vai pasar logo alí, ou pensamos que estamos moi illados e o que pasa aquí non ten porque reflectirse noutra parte. A realidade está no medio. Estamos conectados co resto do mundo, pero estamos máis conectados entre nós que co resto do mundo”, explica o doutor en Economía e exministro de Comercio Exterior de Costa Rica, Alberto Trejos, que xunto a Pedro Cavalcanti Ferreira da Fundação Getulio Vargas de Brasil, desenvolveu un modelo, ao que xa dedicaron cinco traballos académicos.

“O que temos é un modelo de equilibrio xeral, de xeito que a auga que sobra aquí ten que acomodarse no resto da tubaxe e no modelo podemos seguirlle a pista por exemplo do que ocorre na pesca en Galicia, como termina impactando e que ocorre na manufactura en Malaisia. É como unha onda que vai pouco a pouco chegando”, explica Trejos en relación co seu modelo, que asegura “xera isto dunha forma teórica e logo levámolo aos números e aos número parece gustarlles”, detalla o exdecano da Incae Business School de Costa Rica.

Un experto en teoría monetaria, pendente do cambio político no seu país

Aínda que na súa primeira visita a Galicia, onde chega da man do docente e investigador do Departamento de Fundamentos da Análise Económica e Historia e Institucións Económicas da Universidade de Vigo Eduardo Giménez, Alberto Trejos falou sobre shocks económicos, a súa actividade académica máis importante desenvólvese no ámbito da teoría monetaria. “Historicamente tivemos moi malos modelos de por que hai cartos, porque os cartos é esta cousa que non serve para nada, senón para mercar e o feito de que sirva para mercar significa algo e iso é difícil de modelar”, explica Trejos, que desde hai 25 anos traballa en colaboración con outros expertos na xeración de modelos.

Quen foi ministro de Comercio Exterior de Costa Rica asegura estar neste intre “máis nos negocios que na academia e máis na academia que na política”, pero aínda así segue moi atentamente o proceso de transición de poder que mañá se producirá no seu país, onde Carlos Alvarado accederá á presidencia. “Alvarado é un ‘tipazo’, un rapaz novo de 38 anos, intelixente, pero a situación que lle toca manexar é dificilísima pola natureza da elección e por que ningún partido ten máis dunha quinta parte do congreso. Vai ter que cocer unha coalición desde un punto de partida moi complicado, asegura Trejos, que afirma estar moi contento “de estar fóra do pleito como unha vez estiven contento de estar dentro”, explica.