O grupo Remoss constata a viabilidade da reanimación cardiopulmonar nun barco a velocidade elevada

A partires dun estudo realizado con bateeiros de Rianxo
Por o 31/10/2018 | Sección: Galicia,Pontevedra,Universidade de Vigo
O grupo Remoss constata a viabilidade da reanimación cardiopulmonar nun barco a velocidade elevada

En caso de sufrir no mar un accidente ou episodio de paro cardíaco, iniciar na propia embarcación as manobras de reanimación cardiopulmonar (RCP) pode ser un factor decisivo para salvar a vida da persoa accidentada e, se as condicións do mar o permiten, estas poden levarse a cabo cunha calidade suficiente a bordo da embarcación mentres se avanza cara porto a unha velocidade elevada. Así o constatou o grupo de investigación Remoss (Rendemento e Motricidade do Salvamento e Socorrismo), da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, nun estudo realizado con bateeiros da Confraría de Pescadores de Rianxo que veñen de publicar na revista BioMed Research International. “O artigo analiza o efecto da velocidade sobre a calidade da RCP e ten como novidade que por primeira vez avaliouse a calidade nos barcos de pesca a unha velocidade tan alta como 20 nós”, sinala o investigador principal do grupo, Roberto Barcala, dun estudo no que os pescadores participantes realizaban manobras dunha calidade similar ás velocidades de 10 e 20 nós, aínda que en ambos casos cunha calidade inferior á rexistrada en terra,.

Dando continuidade a un estudo previo centrado na incidencia do vento nas manobras realizadas a bordo dunha embarcación pesqueira de pequenas dimensións, publicado no American Journal of Emergency Medicine, e que formaba parte, ao igual que este traballo, da investigación que o alumno de doutoramento Ramón Fungueiriño desenvolve para a súa tese de doutoramento, o estudo levouse a cabo na ría de Arousa coa colaboración de 20 bateeiros da Confraría de Rianxo. Todos eles realizaron unha simulación de RCP cun manequín no propio porto e dúas, a dúas velocidades diferentes, a bordo dunha embarcación. Simulacións que permitiron aos investigadores e investigadoras avaliar aspectos como a profundidade e a frecuencia das compresións torácicas ou o aire insuflado nas ventilacións. Variables coas que pudieron medir a eficacia das manobras, que sitúan nun 77% na proba realizada en terra, nun 59% na realizada a unha velocidade de 10 nós e nun 57% na realizada a 20 nós, como recolle o artigo Coastal Fishermen as Lifesavers While Sailing at High Spped: A Crossover Study, que Barcala e Fungueiriño asinan xunto ao investigador do grupo Remoss e docente da Escola Universitaria de Enfermaría de Pontevedra Felipe Fernández, os investigadores da Universidade de Santiago de Compostela Antonio Rodríguez Núñez, Violeta González e Rubén Navarro; Marta González, do Complexo Hospitalario de Pontevedra, e o docente da Universidade da Coruña Santiago Martínez.

Canto antes, mellor

“Por cada segundo que se retrasa a reanimación, pérdense entre un 10% e un 12% de posibilidades de supervivencia”, sinala Barcala que incide na importancia de iniciar a bordo as probas manobras, máxime tendo en conta que “a pesca é unha das ocupacións máis perigosas e que máis afogamentos provoca”. De aí que incida na importancia de avaliar a calidade da RCP a bordo dunha embarcación, obxecto dunha investigación que dá continuidade a un estudo realizado previamente polo grupo Remoss con socorristas, mais desta volta poñendo o foco nos propios profesionais do sector pesqueiro, “que teñen por lei que realizar un curso sobre reanimación, pero é un curso que se lles imparte en terra, cando se lles pasa algo, vai ser no mar”, lembra Barcala, que salienta como conclusións desta investigación tanto a importancia que ten levar a cabo unha “intervención inmediata” como a necesidade de “realizar este tipo de formación nos propios barcos”.

De feito, os participantes no estudo realizaban no porto unhas manobras dunha calidade, segundo recolle o artigo, similares as de colectivos como policías ou profesores, mentres que, a bordo, “os resultados evidentemente empeoraban canto maior fose velocidade, pero a calidade non chega a ser tan mala como para indicar non facela”, sinala. De aí que a conclusión da investigación que proxectan continuar avaliando a calidade da RCP co mar en malas condicións, sexa “que se as condicións do mar son seguras, en caso de afogamento ou paro cardíaco, pódese navegar cara porto realizando a manobra a 20 nós e isto o unimos ao estudo que fixeramos previamente, se que poidamos, facelo a favor de vento”.

As condicións do mar, terceiro factor de análise

Tralo estudo que analizaba a incidencia do vento e o recollido neste artigo, a investigación complétase nestes días coa realización dunha terceira medición da calidade da RCP con profesionais do sector, nesta ocasión, poñendo o foco nos efectos que poden ter as condicións climatolóxicas adversas, e que motivaron que este mércores se levase a cabo unha terceira sesión de medicións, empregando o mesmo tipo de embarcación e levándoa á cabo mesma contorna da Ría de Arousa, para así poder avaliar, explican, a incidencia que as condicións do mar poden ter nestas manobras de reanimación.

Comentar noticia

Your email address will not be published.