O novo calendario da Unidade de Igualdade visibiliza o maior impacto da pandemia nas mulleres

Conclúe que a crise do coronavirus agranda as desigualdades de xénero
Publicado por o día 17/12/2020 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O novo calendario da Unidade de Igualdade visibiliza o maior impacto da pandemia nas mulleres

A Unidade de Igualdade acaba de publicar o seu calendario para 2021, un documento no que aborda os efectos da pandemia desde unha perspectiva de xénero, afondando en temáticas específicas: división sexual do traballo, patróns culturais patriarcais, concentración do poder nos homes e desigualdade social e pobreza. A principal novidade deste ano é que o almanaque garda relación cun tema de actualidade, mentres que os das edicións anteriores tiñan que ver con conceptos xerais e coa situación da Universidade en cuestións de igualdade, con alusións a grupos de investigación, experiencias ou traballos desenvoltos por alumnas no eido dos feminismos.

Águeda Gómez, directora da Unidade, describe o lanzamento do calendario como “un clásico” para a comunidade universitaria e afirma que, xunto ao proposto pola Área de Normalización Lingüística, forma parte da tradición cultural e organizativa da UVigo.

Doce meses, doce temáticas

A publicación comeza falando dos vínculos entre sexo, xénero e saúde, aludindo á necesidade de incorporar a perspectiva de xénero na investigación sanitaria, focalizada nun modelo androcéntrico. O mes de febreiro amosa a realidade da fenda dos coidados, o que introduce, dalgún xeito, as problemáticas dos seguintes meses: maternidade e conciliación, en marzo, e o traballo a distancia, en abril.

Maio é o mes dedicado á violencia de xénero, ao que segue a temática da prostitución. En xullo e agosto, os datos fan referencia a cuestións económicas, como o desemprego e o desamparo social. As páxinas alusivas a setembro, outubro e novembro conteñen nomes propios de científicas, así como porcentaxes sobre o impacto do coronavirus nas carreiras das mulleres e datos relevantes, como que “a covid-19 non só fai invisible a voz das investigadoras, senón que pode frear as súas carreiras”. A folla de decembro supón unha conclusión de todo o exposto con anterioridade, polo que inclúe un gráfico que resume todos os ámbitos nos que “a covid-19 agranda os aneis da desigualdade”.

Un coidado traballo de investigación con perspectiva de xénero

Gómez expón que a orixe da temática deste ano foi a aparición das primeiras informacións sobre a covid-19, que aseguraban que “aínda que o virus afectaba de forma máis grave aos homes, había máis infeccións entre as mulleres porque se ocupaban dos  coidados, profesional e non profesionalmente”. Este punto de partida serviu para comezar un estudo sobre cuestións non recollidas nos discursos da pandemia dos medios de comunicación, como a prostitución, a pornografía, o emprego feminino ou os problemas derivados do teletraballo nas mulleres.

Segundo os datos achegados polo calendario, o confinamento incrementou a violencia contra as mulleres que se atopan en redes de prostitución, do mesmo xeito que aumentou a demanda pornográfica. A directora da Unidade recorda que no período do estado de alarma, “algúns portais pornográficos, que non deixan de constituír violencia simbólica contra a muller, ofertaron contidos gratuítos”. Neste senso, unha das referencias máis desalentadoras que recolle este traballo é que España xa é o segundo país do mundo que máis pornografía infantil consume. Águeda Gómez comenta o preocupante destas informacións, xa que “a industria pornográfica é unha industria criminal”.

As corentenas tamén multiplicaron os casos de violencia contra as mulleres. Arredor deste relato, un dos meses inclúe comparacións entre as chamadas ao 016 do mes de abril de 2020 e as mesmas datas do ano anterior, e a diferenza é notable, cun 60% máis. A modo de reflexión final e chamada de atención, o mes de decembro presenta a seguinte sentenza: “a covid-19 agrava o círculo da desigualdade de xénero e limita a autonomía das mulleres”.

Como cada Nadal, todas as persoas interesadas en conseguir o almanaque poden descargalo a través da páxina web da Unidade de Igualdade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.