O XIV Congreso Galego de Estatística reunirá en Vigo máis dun centenar de especialistas nacionais e internacionais

Os profesores Javier Roca e Antonio Vaamonde presentaron este luns o evento no Concello de Vigo
Publicado por o día 14/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

O XIV Congreso Galego de Estatística reunirá en Vigo máis dun centenar de especialistas nacionais e internacionais

Pese a ser unha cita a priori de carácter autonómico, o décimo cuarto Congreso Galego de Estatística e Investigación Operativa reunirá a vindeira semana en Vigo máis dun centenar de especialistas nacionais e internacionais. Así o explicaron este luns os profesores Javier Roca e Antonio Vaamonde na presentación oficial deste congreso celebrada no Concello de Vigo e á que tamén asistiu o alcalde, Abel Caballero, e a concelleira de Urbanismo, María José Caride. A cita, organizada polo Departamento de Estatística e Investigación Operativa da Universidade de Vigo, será do 24 ao 26 de outubro na sede cidade da Escola de Enxeñería Industrial.

“Este  é un encontro que se celebra de forma bianual e que se vai rotando entre as distintas cidades galegas”, explicou na presentación o presidente do comité organizador, o profesor Javier Roca, quen aclarou que, nesta ocasión, o congreso está organizado dende a Universidade de Vigo, que responde así a unha petición da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e a Investigación de Operacións, Sgapeio, “unha sociedade autonómica que ten como principal obxectivo divulgar estes ámbitos, tanto na parte máis metodolóxica como na máis aplicada, centrada sobre todo na resolución de problemas próximos á sociedade en xeral”, explicou Roca, ao que engadiu que estes encontros arrancaron no ano 1993 na Coruña e que, dende entón, teñen viaxado por toda Galicia (Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol…). A gran novidade deste ano pasa, a xuízo dos organizadores, pola incorporación ao evento da Sociedade Portuguesa de Estatística.

Ampla presenza internacional

Cun total de 114 persoas inscritas, os responsables da organización do congreso destacaron que nesta ocasión se contará coa participación de representantes das tres universidades galegas e tamén de fóra de Galicia, desde a Complutense de Madrid ata a Universidad da Laguna, a UNED, a Miguel Hernández de Elche, pasando tamén por Salamanca e Valencia. Do ámbito internacional, salientaron a Universidad Nacional de San Agustín de Perú, así como varias universidades portuguesas, de Bélxica, Suíza, Países Baixos…  Por outra banda, tamén fixeron fincapé en que, ademais de representantes do ámbito universitario, contarase tamén coa participación de numerosos profesionais do ensino medio, pondo como exemplo a participación dos institutos de ensino secundario A Sangriña, da Guarda; Castelao, de Vigo, Poio e Mugardos. Tampouco se esqueceron de mencionar a propia Xunta de Galicia, os institutos, galego e nacional, de estatística; o Centro Tecnolóxico do Mar, así como numerosas empresas e organismos de carácter privado como Abanca ou Hijos de Rivera.

Abrirá o programa o presidente do Instituto Nacional de Estadística

En canto ao programa científico, Roca destacou que se prevé a realización de catro conferencias plenarias, dúas mesas redondas, comunicacións orais, pósters e unha sesión especial de biometría. “A todo isto este ano engadimos unha exposición que nos cedeu un museo de matemáticas catalán que nos pareceu moi interesante e pedagóxica”, engadiu Roca. As sesións plenarias correrán a cargo de Juan Rodríguez Poo, presidente do Instituto Nacional de Estadística; Juan José Salazar, da Universidad de La Laguna; Carmen Armero, da Universidad de Valencia, e Ingrid Van Keilegom, da KU Leuven de Bélxica.

A ciencia “que nos permite entender mellor o mundo incerto no que vivimos”

“Vivimos nun mundo no que as cousas non son sempre igual, senón que hai moita aleatoriedade, tanto na vida real como na política, na produción industrial… e a principal ferramenta para tratar coa incerteza é a estatística, que é unha parte das matemáticas que nos permite entender mellor o mundo incerto no que vivimos”, explicou pola súa banda Antonio Vaamonde, quen tamén lembrou que a misión fundamental da Sociedade Galega de Estatística, na que se agrupan todos os profesionais que se dedican a estas tarefas en Galicia é esa: “divulgar, facer entender e promocionar a utilización correcta da estatística en todos os ámbitos, e esta é tamén a misión do congreso, facer ver cales son as principais novidades e avances que se están a producir”, recalcou o docente.