Os centros educativos poderán participar nun total de 44 programas de innovación a través do Plan Proxecta

A Consellería de Educación acaba de abrir a convocatoria desta iniciativa, na que participan todos os departamentos da Xunta de Galicia que impulsan proxectos no ámbito educativo
Publicado por o día 29/09/2019 na sección de Economía

Os centros educativos poderán participar nun total de 44 programas de innovación a través do Plan Proxecta

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de convocar o Plan Proxecta para o curso 2019/20. Os centros terán a posibilidade este ano de solicitar a súa participación nun total de 44 programas impulsados desde diferentes departamentos da Xunta de Galicia. Do total dos programas mantéñense os do curso 2018/19 (agás CInEd e Conecta Cultura) e incorpóranse 4 novos, en concreto De Ítaca a Ávalon, Escola verde, Pasaporte Solidario e Cidadanía dixital.

Impulsado pola Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, De Ítaca a Ávalon nace co obxectivo de promover unha cidadanía galega crítica, responsable e comprometida coa erradicación das desigualdades sociais e especialmente coa promoción de sociedades libres de violencias machistas dende a coeducación. Para iso, o programa baséase nunha viaxe desde Ítaca, a illa grega á que Homero pretende regresar tras a súa travesía e onde é agardado pola súa muller, unha illa onde os que a habitan din que non son felices e que hai desigualdades; ata Ávalon, a illa lexendaria da mitoloxía celta, onde prima o estudo, o ben colectivo e intercambio de ideas e diálogo, a liberdade dos corpos e a alegría. Nela, habitan mulleres e homes entregadas a esta filosofía de vida, creando un microcosmos de paz e equidade.

O programa Escola verde, promovido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, está centrado en acadar cambios de comportamento e fomentar actitudes responsables co medio ambiente. Para iso cada centro escollerá un tema sobre o que traballar, por exemplo reducir a pegada de carbono do centro educativo ou transformar o recreo nun espazo libre de plásticos.

Pola súa banda, Pasaporte Solidario, desenvolvido desde a Consellería de Política Social, ten como obxectivo guiar as alumnas e alumnos no marco da súa actividade voluntaria e na percepción dos seus propios progresos á vez que desenvolven as súas capacidades para localizar información, analizala e responder de forma correcta aos problemas formulados. Neste sentido, promoverase a visibilización e intercambio da acción solidaria e mostraranse as competencias desenvolvidas nos proxectos ou accións nos que as e os voluntarios teñan participado.

Cidadanía dixital, impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, nace coa finalidade de contribuír á educación mediática e dixital da comunidade educativa e, por extensión, de toda a cidadanía. O programa propón, a través dunha orientación eminentemente práctica, tarefas como entender a industria dixital e o sistema socio-cultural que xera, analizando conexións entre reality shows e redes sociais ou reflexionar sobre os roles das persoas como usuarios tecnolóxicos. A iniciativa xorde a través do traballo dun grupo de investigación da Universidade Rey Juan Carlos, Ciberdemocracia, cunha longa traxectoria na análise das formas de participación cidadá na contorna dixital.

Poderán participar nesta convocatoria os centros de ensino non universitario sostidos con fondos públicos dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional. O prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 16 de outubro de 2019, agás para o programa Cidadanía dixital, que pecha o prazo o 30 de setembro e para Cinema en curso e Fotografía en curso, para os que remata o 1 de outubro. A solicitude deberá facerse a través da aplicación de Plan Proxecta.

Competencias clave

O Plan Proxecta é unha iniciativa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.

Trátase dun plan que busca un avance nas dinámicas de mellora da calidade educativa e favorecer a innovación nos propios centros a través de programas externos que leven á motivación e ao traballo activo, cooperativo e en rede, do alumnado e do profesorado implicado. Para iso, un dos principais obxectivos deste plan é promover a realización de proxectos interdisciplinarios que poidan servir de modelo de traballo ou de boa práctica, tanto para o propio centro en que se orixinan como para o resto da comunidade educativa galega.