Os Roteiros Culturais e os Martes Saudables, nunha guía europea de boas prácticas para a vida activa

Foi o primeiro Erasmus+ que se concedeu para traballar sobre a actividade física universitaria
Por o 19/12/2018 | Sección: Galicia,Universidade de Vigo,Vigo
Os Roteiros Culturais e os Martes Saudables, nunha guía europea de boas prácticas para a vida activa

Non se trata necesariamente de practicar deporte de xeito intenso, senón de adoptar actitudes e hábitos saudables no día a día, que persistan no tempo e que se adapten ao modo de vida e as capacidades de cada quen. Esta é a filosofía do proxecto Active Campus Europe, que tras dous anos de traballo coordinado entre 16 universidades de sete países europeos, afronta a súa recta final. Ente o 12 e o 14 deste mes a cidade alemá de Aachen acolleu a xuntanza de peche do proxecto coa participación de todos os socios así como de autoridades tanto da Unión Europea como do goberno rexional de Renania del Norte-Westfalia, na que se presentaron as conclusións destes dous anos de traballo. Entre outras propostas, as universidades implicadas deron a coñecer unha guía de boas prácticas para o fomento dun estilo de vida activo e saudable. Entre as 27 iniciativas que se recollen nesta lista están dúas da Universidade de Vigo: os Roteiros Culturais e os Martes Saudables.

16 universidades saudables, 27 exemplos de iniciativas para unha vida activa

O proxecto arrancou a comezos de 2017, baixo a coordinación da RWTH Aachen University cun orzamento de 510.299 € para dous anos, sendo o primeiro programa Erasmus+ que se concedía a un tema relacionado coa actividade física universitaria. O obxectivo xeral era crear unha rede europea de servizos de deportes para promocionar os estilos de vida saudables, apostando pola práctica deportiva e a promoción da saúde nos lugares de traballo e de docencia, e implicando ao conxunto das comunidades universitarias, principalmente alumnado, pero tamén PAS e persoal docente. Para iso seguíronse tres liñas de traballo, como explica o director técnico da Área de Benestar, Saúde e Deporte, Javier Rial. Por unha banda, aproveitar a experiencia previa sobre hábitos saudables de cada unha das institucións socias; por outra, crear unha intervención para activar á comunidade universitaria máis sedentaria e, finalmente, facer unha guía de boas prácticas, que conxugue o coñecemento previo e o xerado ao abeiro deste proxecto, para poder loitar contra os hábitos saudables e promover a actividade física.

Os resultados presentáronse xa ao público e son accesibles a calquera institución, como o é o libro de boas prácticas, no que se recollen 27 actividades que as universidades socias teñen en marcha. Por parte da Universidade de Vigo, a guía inclúe os Roteiros Culturais, unha “forma regular, fácil, atractiva e para todo tipo de públicos de achegarse a unha vida máis activa” e os Martes Saudables, un programa itinerante que permite aos membros da comunidade universitaria ter unha “idea de como se atopan fisicamente”. En ambos casos son programas consolidados, no primeiro caso con máis de 700 participantes cada ano e a segunda con máis de 600. Pero nesta guía recóllense multitude de experiencias de diferentes tipos implementadas nas universidades participantes, dende cursos ata actividades puntuais, campañas de divulgación ou as coñecidas como pausas activas, “unha liña de traballo moi estendida por Europa que consiste en romper a xornadas académica ou laboral con descansos curtos nos que practicar algunha actividade física lixeira durante uns minutos sen necesidade de buscar instalacións deportivas nin cambiarse de roupa.

10 semanas para enganchar á comunidade universitaria co deporte

A outra das patas do proxecto consistía en xerar unha intervención, que finamente consistiu nun programa de 10 de semanas de duración destinado a persoas non activas para que, dun xeito regular, se fosen incorporando á practica dalgún tipo de actividade física. Tras analizar os resultados, as universidades detectaron unha evidente maior participación de mulleres e percibiron a importancia que as e os participantes lle deron ao seguimento, ao papel dos monitores, que foi clave para que completasen as 10 semanas do programa con 150 minutos semanais de actividade moderada. O éxito na consecución da meta estivo tamén moi determinado pola flexibilidade das condicións, que permitían completar as sesións con calquera actividade e dende calquera lugar, anotando todo nun libro de rexistro. “Detectamos tamén que a partir da sétima semana se constata unha caída xeneralizada, comezaban ben, pero o momento crítico dábase nesa semana e, de feito, só o 40% dos inscritos continuou realizando algún tipo de actividade física”, apunta Rial.

Neste peche de etapa, os socios tamén avanzaron no plano de futuro. Rial avanza que “é moi probable que a RWTH Aachen University volva concorrer á convocatoria actual, que se pecha en abril. Sería unha proxecto similar, continuación do que agora remata, pero con menos socios, dez ou doce, entre os que estaría a Universidade de Vigo que estaría dirixido exclusivamente a profesorado e PAS.

Comentar noticia

Your email address will not be published.