En Galicia faise pouca divulgación científica e da pouca que se fai só unha pequena parte se realiza no idioma propio, o galego. Esta é a realidade que se está a pór sobre a mesa nunha serie de mesas redondas celebradas esta semana nos campus de Vigo e Pontevedra baixo o título En galego! Investigación e divulgación científica. A que se debe esta realidade? Como podemos cambiala? Estas foron as preguntas as que trataron de dar resposta este mediodía catro investigadores da Universidade de Vigo de perfís distintos, con idades e intereses distintos… pero coa vocación común de facer divulgación científica e de facela en galego. Os catro o fan por puro voluntarismo e a costa, nalgúns casos, de ver penalizada a súa propia carreira investigadora.
Participaron nesta mesa de debate, celebrada este mediodía na sala de xuntas do edificio Ernestina Otero, a directora do Laboratorio de Micoloxía, Marisa Castro; o responsable do grupo de investigación de Neurobioloxía de Lampreas Neurolam, Manuel Ángel Pombal; o investigador do Centro de Investigación Mariña, Anxo Mena, e o director da Área de Normalización Lingüística, Fernando Ramallo, experto en Sociolingüística, que exerceu como moderador. Desde o seu punto de vista, pór en valor a divulgación científica sería suficiente para que se multiplicara o que se fai e, respecto a cales serían os mellores camiños para conseguir aumentar esta valoración, téñeno claro: recompensar ás persoas que xa están a facer esta labor ou que están dispostas a facelo ou, cando menos, non penalizalas. Isto afecta sobre todo aos investigadores máis novos, que ven como todas as horas que invisten en facer divulgación son horas que restan a outro tipo de labores, que son os que se teñen en conta, tanto a nivel autonómico como nacional, á hora de competir con outros candidatos para estabilizarse na carreira investigadora e que se refiren, sobre todo, aos artigos publicados “en inglés” en revistas internacionais.
Necesidade dun Plan Estratéxico de Ciencia en Galego
“Todo o tempo que invisto en facer divulgación é tempo que non se me vai valorar e que vai penalizar o meu currículo investigador”, lamentou Anxo Mena, o máis novo dos participantes, quen puxo sobre a mesa a necesidade de crear un Plan Estratéxico de Ciencia en Galego, dirixido sobre todo a reforzar e pór en valor a ciencia que se está a facer en Galicia. “Obrígannos a ser docentes, investigadores, xestores, pero penalizan o noso labor divulgador, que, polo contra, é algo completamente necesario e correcto”, engadiu Pombal, introducindo así no debate a obrigación de “devolver á sociedade parte do que a sociedade nos dá, pois son os propios cidadáns os que, a través dos seus impostos, manteñen a institución universitaria”.
Unha ferramenta que axuda a prestixiar o idioma
Unha cuestión clave que tamén se tratou nesta mesa redonda ten que ver co papel que a divulgación científica xoga na normalización e na dinamización do galego. Dada a delicada situación pola que transcorre a lingua, os catro se amosaron convencidos de que a divulgación científica é unha ferramenta que axuda “claramente” a prestixiar o idioma. Definíndose a si mesma como “defensora aférrima do idioma que mamei”, Marisa Castro defendeu a importancia de que os docentes e investigadores universitarios realicen as súas tarefas en galego sexa nas clases, dando unha conferencia ou escribindo un artigo nun xornal. “Nós somos exemplo e temos que ser capaces de axudar a prestixiar o noso idioma”, recalcou Castro, ao que Pombal engadiu que “non ten razón de ser que sendo galegofalantes nos formulemos facelo noutro idioma que non sexa o noso”.
O debate continúa pola tarde no centro da cidade
Estes debates sobre investigación e divulgación científica en galego, nos que participan un total de 15 investigadoras e investigadores de diferentes escolas e facultades, están organizados pola Área de Normalización Lingüística en colaboración coa Unidade de Cultura Científica e da Innovación. Arrancaron onte mércores na Facultade de Belas Artes do campus de Pontevedra e continuarán hoxe pola tarde na Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel coa participación, nesta ocasión, dos investigadores Xavier Simón, do grupo de investigación Economía Ecolóxica, Agroecoloxía e Historia, GIEEAH; Alejandro Saavedra, do grupo de investigación de Inferencia Estatística, Decisión e Investigación Operativa, Sidor; Gustavo Bergantiños, do grupo de Economía, Sociedade e Territorio, Ecosot; e Xosé Manuel Pacho, en representación da Agrupación de Grupos de Investigación de Dereito Administrativo e Filosofía do Dereito, AGAF.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.