Portos de Galicia regula o acceso dos armadores de embarcacións recreativas ás instalacións náuticas

O ente dependente da Consellería do Mar ten dispoñible na súa páxina web a instrución que recolle as condicións para acceder aos barcos para tarefas de vixilancia, seguridade ou navegación individual autorizada
Publicado por o día 10/05/2020 na sección de Mar,Xunta de Galicia

Portos de Galicia regula o acceso dos armadores de embarcacións recreativas ás instalacións náuticas

Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar, vén de promulgar a instrución que regula o acceso ás instalacións portuarias náutico-recreativas concesionadas ou de xestión directa do ente público aos armadores deste tipo de embarcacións. O organismo portuario que preside Susana Lenguas ten dispoñible na súa páxina web a resolución ditada a raíz do acordo do Centro de Coordinación Operativa da situación de emerxencia sanitaria de Galicia (Cecop) onde se inclúe o mantemento e uso de embarcacións deportivas e de recreo.

Segundo recolle a instrución, o acceso dos particulares ás súas embarcacións autorízase suxeito a determinadas restricións tanto nas instalacións de xestión directa da Administración pública como nas concesionadas. Os obxectivos para os que se permitirá o acceso ás embarcacións serán as visitas de inspección e seguridade ás embarcacións a flote nos peiraos ou varadas en mariñas secas ou espazos destinados a tal fin, así como para a navegación deportiva individual autorizada polo organismo competente.

O acceso aos portos deportivos rexerase polas medidas de carácter preventivo ditadas polas autoridades sanitarias en relación aos desprazamentos e distanciamento social. Estas medidas complementaranse con outras específicas no caso dos peiraos, como o acceso individual ás embarcacións impedindo a interacción entre usuarios; o acceso en horario diúrno salvo emerxencias; a acreditación da titularidade da embarcación; a organización por quendas do persoal portuario; as restricións de acceso a instalacións comúns e oficinas e a prohibición da presenza dos usuarios nos espazos portuarios por calquera outra razón non vinculada ás tarefas de mantemento, coidado ou acceso ás instalacións.

No caso de instalacións de xestión directa por parte de Portos de Galicia, as normas de acceso serán as seguintes: a duración máxima da estancia será de dúas horas; o acceso será individual e a embarcacións non sucesivas nin lonxitudinal nin transversalmente; e será preceptivo manter a distancia interpersoal mínima de dous metros en todo momento con especial atención ao tránsito polos pantaláns.