Presentación das bases que rexerán o proceso participativo para a elección dos festivos locais

Publicado por o día 28/03/2018 na sección de Galicia,Cangas

Presentación das bases que rexerán o proceso participativo para a elección dos festivos locais

No día de hoxe, o concelleiro de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo, Jesús Pérez Gallego, presentou no Salón de Plenos do Concello as bases que rexerán o proceso participativo para que a veciñanza da vila maior de 16 anos poida escoller mediante voto as datas dos festivos locais para un período de tres anos: 2019, 2020, 2021: “Queremos que a cidadanía se involucre e decida o que mellor lle pareza, con liberdade, cordialidade e sen condicionamento algún”.

A primeira versión das bases enviouse a semana pasada a todas as formacións políticas para que a analizaran e fixeran as súas propias achegas e/ou modificacións do documento nunha asemblea amena e cordial celebrada o pasado martes, día 20 de marzo, na que non estiveron presentes o Partido Popular nin Cangas Decide.

Para poder realizar a elección dos días festivos, primeiro abrirase un prazo de presentación de candidaturas que dará inicio o 8 de abril e prolongarase ata o 29 do mesmo mes. Todas elas téñense que entregar no Rexistro do Concello, contar cun aval mínimo de 50 persoas e especificar o día proposto cunha explicación motivada. Cantas máis firmas se consigan máis beneficioso será, posto que só se terán en conta as 10 propostas cun maior número de avais.

Despois, haberá un período de promoción de 15 días (12-26 maio). Cómpre resaltar aquí que a campaña débese desenvolver en todo momento en positivo, sen ningún tipo de ataques ás restantes alternativas.

O 27 de maio establécese como xornada de sufraxio. Cada parroquia contará, como mínimo, cun centro de votación entre as 10:00 e as 19:00 horas. Ás 20:30 horas levarase a cabo o escrutinio no Salón de Plenos, que estará aberto ao público. Nel sumaranse os puntos de cada candidatura, asignando 3 puntos aos días seleccionados no primeiro lugar e 1 punto aos marcados como segundos. Os dous con maior puntuación serán propostos ao Pleno como festivos locais para os anos 2019-20-21.

A concellaría anteriormente citada fai patente o seu compromiso para involucrar ao pobo na toma de decisións. “O feito de que a xente participe motiva o correcto e eficiente funcionamento das institucións públicas. O proceso é adecuado para introducir este mecanismo e que a veciñanza perciba os seus beneficios de forma tanxible. Servirá tamén de ensaio para nun futuro tratar outros asuntos de forma máis participativa”, explica Jesús Pérez. “A longo prazo gustaríanos contar cunha plataforma dixital na que se poidan realizar estas consultas”, engade o concelleiro.

VOLUNTARIADO

A maiores, a Concellaría de Participación Veciñal, Transparencia e Asociacionismo fai un chamamento ás persoas maiores de 16 anos censadas en Cangas para que se anime a participar neste proceso.

Todas as que desexen formar parte das mesas de votación e do posterior reconto deben anotarse na Oficina Municipal de Voluntariado a través do correo electrónico voluntariado@cangas.gal ou no número de teléfono 986 39 21 71.

Descargas