Primeira serie de medicións autónomas da acidificación na costa galega

Un sensor permite obter datos do pH das augas cada 30 minutos
Publicado por o día 27/08/2018 na sección de Universidade de Vigo

Primeira serie de medicións autónomas da acidificación na costa galega

Considerada unha das principais ameazas para os ecosistemas mariños, a acidificación oceánica, a diminución do nivel de pH das augas debido á incorporación do CO2 da atmosfera, e o seu impacto nos ecosistemas da plataforma ibérica e das rías galegas constitúen o eixo central do proxecto A.Rios, que coordina o Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (CSIC), coa participación de investigadores e investigadoras do Grupo de Oceanografía Física da Universidade e da ECIMAT. Baixo a coordinación do investigador da Universidade Ramiro A. Varela, un dos subproxectos desta investigación financiada polo programa estatal Retos da Sociedade 2016 abrangue a realización da primeira serie de medicións autónomas de pH en augas galegas, a través dun sensor SAMI-pH que se atopa fondeado na ría de Vigo e que permite obter medicións de elevada precisión da acidificación das augas cada 30 minutos.

Segundo explica Jose González, un dos investigadores da Universidade de Vigo participantes neste estudo, as primeiras probas con este sensor leváronse a cabo no verán de 2017 nas instalacións da Ecimat. “Durante un período de dous meses estivéronse tomando mostras en paralelo para a determinación do pH, o que permitiu validar as medidas obtidas”, para posteriormente, engade, levar a cabo o outono pasado o fondeo deste sensor “na estación central da ría, a uns 40 metros de profundidade”. O sensor, “capaz de realizar medidas de pH de maneira autónoma cunha precisión de 0,001 unidades de pH”, permanecerá fondeado neste punto durante todo o transcurso do proxecto de investigación, coa excepción dunha serie de mantementos periódicos cada dous ou tres meses, permitindo así levar a cabo a primeira serie autónoma de medidas de pH nas costas galegas.

“A realización de medidas de pH de modo autónomo supón un grande avance, xa que permite obter longas series temporais de datos cunha elevada resolución temporal”, engade González duns traballos que proxectan complementar coa instalación “doutros sensores para a medición da temperatura, condutividade e osíxeno disolto”. O dispositivo que reproduce na auga o proceso de medicións de pH que se levaría a cabo nun laboratorio, a través do uso dun reactivo e dun espectrofotómetro, achega deste xeito unha valiosa información “para estudos da variabilidade do pH tanto a longa como a curta escala”, sumando a información obtida ás series de datos de pH nas augas costeiras galegas obtidos polo IIM desde 1974, así como ás procedente de bases de datos internacionais do sistema do CO2 na marxe oceánica ibérica “para realizar unha serie de climatoloxías estacionais”.

Efectos sobre o mexillón

Consistente nun aumento dos ións H+ debido á incorporación do CO2, a acidificación oceánica está a ter uns efectos prexudiciais nos océanos, “afectando directamente” aos organismos que empregan o carbonato cálcico (CaCO3) para crear “as súas cunchas, esqueletos externos ou estruturas de soporte”, como moluscos, crustáceos ou corais. “Os prognósticos actuais indican que o océano seguirá absorbendo máis CO2, incluso a maior escala que ata agora, o que supón unha ameaza para todos os ecosistemas mariños, aínda que se prognostica que o seu impacto será máis inminente nos ecosistemas de augas frías e naquelas afectados polo afloramento, como é o caso das rías”, salienta González nun artigo.

Por ese motivo, o proxecto Acidificación nas rías e plataforma oceánica ibérica: observación seguimento e modelado (A.Rios), que rende homenaxe co seu nome á oceanógrafa Aida Rios e que coordina o investigador do Instituto Oceanográfico Fiz F. Pérez, ten como reto a xeración de “ferramentas clave para a avaliación do impacto da acidificación oceánica”, situando entre os seus campos de traballo “a optimización da observación da acidificación oceánica, a modelización de escenarios climáticos da acidificación na conca ibérica, na plataforma continental e nas Rías Baixas, así como a avaliación do posible impacto no cultivo do mexillón pola combinación da acidificación con outros factores ambientais”, explica González. Con ese propósito, o proxecto reúne a investigadores e investigadoras con experiencia na observación da acidificación oceánica no Atlántico xunto a “experimentados modeladores da dinámica e a bioxeoquímica costeira e oceánica” e a expertos e expertas na fisioloxía dos bivalvos, co propósito de desenvolver “unha plataforma de coñecemento que integra os potenciais impactos e ou adaptacións” que no caso do mexillón, un recurso “de grande importancia tanto en aspectos de biodiversidade como socieconómicos” para Galicia, terá a súa adaptación ao “novo escenario de cambio climático”.

Una respuesta para "Primeira serie de medicións autónomas da acidificación na costa galega"