Álvaro de Cañizares foi un dos moitos poetas do século XV que pasaron desapercibidos na historia, a pesar de que algunhas das súas obras aparecen no Cancioneiro de Baena e no Cancioneiro de Palacio, dous dos manuscritos casteláns máis antigos que se conservan deste tipo de poesía. Agora, case seiscentos anos máis tarde, o profesor do Departamento de Literatura Española e Teoría da Literatura Antonio Chas, experto en literatura medieval española, publica o libro La poesía de Álvaro de Cañizares, no que edita e estuda todos os poemas deste autor que chegaron ata a actualidade e co que pretende reivindicar a importancia dunha figura que axudou a modelar o contexto literario da súa época.
“Aínda que se presente como un autor cun corpus reducido, o que conservamos de Cañizares non constitúe a totalidade da súa obra”, informa Chas. Neste senso, o que levou ao docente a iniciar a busca de información sobre o poeta foi a pouca importancia que se lle deu ao longo da historia, sobre todo debido á escasa cantidade de información que se posúe sobre el e a súa obra. Porén, durante a súa pescuda o profesor puido atopar probas que demostran que a súa produción literaria é moito máis extensa do que se cría ata agora. “Ademais de que o seu nome aparece en índices doutros cancioneiros hoxe lamentablemente desaparecidos, comprobei varias trazas dunha poesía perdida que nos permiten falar dun corpus moito máis amplo do que pensabamos”, sinala o autor do libro.
A publicación xorde ao abeiro do proxecto de investigación Nobles, oficiales y cortesanos en el entorno literario del Cancionero de Baena: escritura y reescrituras, dirixido polo propio Chas e no que participan, ademais outros e outras especialistas da Universidade de Vigo, investigadores das universidades de Lisboa, Verona, Údine e Rennes 2. Este grupo de traballo pretende analizar o contexto de creación na que xurdiron os poemas individuais que se insiren no cancioneiro, pero tamén as reescrituras ás que deron lugar séculos máis tarde, particularmente no século XIX. Un dos obxectivos, precisamente, é o de saber máis sobre a vida dos seus autores e intentar reconstruír o texto orixinal dos devanditos poemas, pois o único exemplar que se conserva do Cancionero de Baena é unha copia do manuscrito que actualmente está custodiada na Biblioteca Nacional de Francia. Non obstante, as numerosas alteracións e desviacións dos poemas fan que, para o director do proxecto, o propósito principal do grupo sexa o de “proporcionar textos fiables a partir da única copia conservada, contando coa axuda dos recursos filolóxicos dispoñibles”.
Un poeta da corte
Alén dos poemas que nel se reúnen, o libro de Chas recolle outros datos relacionados coa vida de Álvaro de Cañizares. Criado dende pequeno na corte de Juan II de Castela, da liñaxe dos Trastámara, o poeta medrou baixo a protección da raíña rexente Catalina de Lancaster nun ambiente erudito que o levou a relacionarse con diferentes personalidades da política e da literatura do momento. Máis tarde, chegou a ser garda do rei e membro do seu séquito de confianza, o que o levaría a representar ao monarca en diferentes cometidos.
Unha poesía heteroxénea en temas, moi dúctil, orixinal…
Con todo, o que o profesor de Literatura Española pretende conseguir coa súa nova publicación é achegar ao público a obra dun poeta que entende que debe ser lembrado pola elevada calidade dos seus traballos, independentemente da escaseza dos textos que se conservan. “Na obra de Álvaro de Cañizares pode contemplarse un reflexo das peculiaridades na poesía da primeira metade do século XV: heteroxénea en temas, moi dúctil no manexo recursos retóricos e sempre na busca da orixinalidade”, recalca o docente.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.