O grupo Divulgare leva dous anos involucrado no proxecto Mariner (Enhancing HNS preparedness through training and exercising), coordinado polo Cetmar, que ten como obxectivo mellorar a capacidade de resposta ante vertidos químicos mediante o desenvolvemento de plans de adestramento e resposta coordinados entre distintas rexións da Europa atlántica, como Reino Unido, Francia, España e Portugal.
Agora que esta iniciativa toca ao seu fin, os investigadores da Universidade de Vigo acaban de publicar un novo vídeo “que pon punto final ao traballo que vimos desenvolvendo durante os últimos anos na difusión dos labores de adestramento que se están levando a cabo no ámbito da loita contra a contaminación mariña por vertidos accidentais”. Esta última peza, de sete minutos de duración, explica os diferentes protocolos de actuación ante un vertido químico, medidas de especial relevancia dado o incremento transporte de sustancias químicas por mar nas últimas décadas. Combinando animación e imaxes reais de simulacros e adestramentos, fai un repaso polas características dos buques, das diferentes sustancias químicas e das medidas a adoptar.
2000 sustancias químicas diferentes
Os investigadores de Divulgare, coordinados polo profesor Luis Navarro, lembran que ante un accidente marítimo, a falta de experiencia pode xerar caos e alarma social e, cando se trata de vertidos nos que están presentes sustancias químicas perigosas, existe pouca experiencia. Por iso este proxecto tratou de incrementar a preparación fronte a estas continxencias, tendo en conta a complexidade engadida que supón a enorme diversidade de produtos deste tipo que se transportan por mar, arredor de 2000, con diferentes comportamentos no medio mariño. Neste sentido, ao abeiro do proxecto Mariner, optouse ben por trasladar as técnicas xa habilitadas para incidentes en terra, ben por plantexar protocolos deseñados ad-hoc.
Os protocolos comezan pola protección do persoal a bordo do barco, dos equipos de resposta e da poboación na área afectada. O segundo paso estará encamiñado a deter o vertido e establecer zonas de exclusión para despois combater a situación e mitigar as consecuencias. Para isto é necesario identificar as sustancias presentes para poder estimar a súa toxicidade e o comportamento do vertido para determinar o tipo de protocolo segundo se trate de gases, sustancias que flotan, que se afunden, recipientes, etc. Durante estes dous anos de duración do proxecto desenvolvéronse e melloráronse os protocolos, compilouse información, realizáronse xornadas de adestramento, melloráronse os operativos, desenvolvéronse directrices transfronteirizas e elaboráronse materiais didácticos, como os vídeos dos que se encargou o grupo Divulgare.
A cooperación rexional, esencial
A finalidade do proxecto Mariner, que contou con financiamento europeo da DG-ECHO, era mellorar a cooperación rexional na planificación, preparación e resposta a derrames de substancias nocivas e potencialmente perigosas (SNPP), formando e sensibilizando e potenciando a transferencia dos resultados de I+D. Para iso, as entidades involucradas (Dirección Xeral de Axuda Humanitaria e Protección Civil, Cetmar, a Universidade de Vigo, Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar); Servizo de Gardacostas de Galicia; Centro Interdisciplinar de Investigação Marinha e Ambiental (Ciimar) da Universidade de Porto; Centre de Documentation, de Recherche et d’Expérimentations sur les Pollutions Accidentelles des Eaux (Cedre) de Francia; a compañía lusa Action Modulers e Public Health England) apostaron polo traballo coordinado para mellorar os protocolos e garantir unha resposta máis eficiente ás emerxencias. “Non debería de haber ningunha dúbida de que os exercicios de adestramento son claves de cara a ter bos protocolos de resposta e para mellorar as capacidades e habilidades de todo o persoal implicado nunha potencial resposta e, na costa atlántica, polo menos, estamos facendo os deberes”, conclúen.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.