Unha charla sobre alucinacións auditivas e esquizofrenia abre no campus de Vigo un congreso internacional sobre Lingua e Cerebro

Este foi o primeiro acto organizado polo recentemente inaugurado Laboratorio de Linguaxe e Cognición
Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Galicia,Universidade de Vigo,Vigo

Unha charla sobre alucinacións auditivas e esquizofrenia abre no campus de Vigo un congreso internacional sobre Lingua e Cerebro

Unha charla do neurocientífico galego Héctor Caruncho, catedrático da Universidade de Victoria (Canadá) sobre alucinacións auditivas, pensamento, linguaxe e comunicación na esquizofrenia abriu este xoves no campus o I Workshop on Language and the Brain, WoLB 2019, o primeiro encontro internacional organizado polo recentemente inaugurado Laboratorio de Linguaxe e Cognición da Universidade de Vigo, un centro que abre así unha andaina de internacionalización que, agardan, marque o seu futuro. A cita prolongarase no salón de graos da Facultade de Filoloxía e Tradución ao longo de dúas xornadas, dous intensos días nos que, da man dalgún dos principais expertos e expertas nestas materiais, se presentarán os últimos avances en eidos como a neurociencia, a adquisición de linguas, a relación entre música e lingua no cerebro ou psicolingüística, entre outros.

“Con este encontro queremos, por unha banda, dar a coñecer o laboratorio e, pola outra, comezar a trazar a nosa propia axenda investigadora”, explicou na inauguración do encontro Rosalía Rodríguez Vázquez, membro do comité organizador do congreso xunto cos tamén docentes Miguel Cuevas, Javier Pérez Guerra e David Tizón. Xunto a eles, a inauguración da xuntanza contou tamén coa participación da vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación, Mª Isabel Doval, e do decano do centro, Luis Alonso Bacigalupe, que se amosou “tremendamente orgulloso” desta iniciativa e que loou o laboratorio como “un exemplo extraordinario de interdisciplinariedade e de unión entre o mundo das humanidades, a ciencia e a tecnoloxía”.

Química do cerebro e neurobioloxía da linguaxe

Profesor durante case vinte anos do Departamento de Bioloxía Celular da Universidade de Santiago de Compostela e vinculado tamén a outras institucións académicas como as universidades norteamericanas de Illinois ou Georgetown, Héctor Caruncho realizou ao longo da súa traxectoria profesional importantes contribucións en distintos campos relacionados coa neurociencia, centrándose nos últimos anos na neurobioloxía da esquizofrenia e a depresión, incluíndo o desenvolvemento de biomarcadores de interese para o diagnóstico e o tratamento da enfermidade.

Na súa intervención en Vigo presentou unha conferencia plenaria na que afondou na conexión entre o pensamento, a linguaxe, a comunicación e a esquizofrenia, así como no rol da química do cerebro nesta conexión, de xeito que se poida amosar como os estados patolóxicos poden de feito dar valiosa información sobre a neurobioloxía da linguaxe. Iniciou a charla revisando de xeito crítico os datos subxacentes á hipótese de que os principais síntomas da esquizofrenia poden interpretarse como trastornos da percepción da linguaxe (alucinacións auditivas), da produción incontrolada de linguaxe (trastorno do pensamento) ou contidos lingüísticos anormais (delirios).

Catro poñentes plenarios e máis dunha ducia de investigadores de prestixio internacional

Xunto a Caruncho o encontro conta tamén coa participación doutros tres conferenciantes plenarios procedentes de diversos eidos pero conectados entre si pola súa aposta común pola investigación da relación entre linguaxe(s) e cerebro. Esta mesma tarde contarase coa participación de Sónia Frota, catedrática de Lingüística experimental na Universidade de Lisboa, que falará sobre os marcadores do desenvolvemento lingüístico en nenas e nenos con desenvolvemento típico e non típico (caso de nenas e nenos con Síndrome de Down), co obxectivo de amosar a importancia deste marcadores a unha idade temperá para predicir problemas futuros a nivel da linguaxe.

A terceira poñente plenaria é Katie Overy, directora do Instituto da Música no Desenvolvemento Humano e Social (IMHSD) da Universidade de Edimburgo. “A profesora Overy falará sobre as conexión no cerebro entre o procesamento lingüístico e musical, así como da función da música na adquisición de destrezas lingüísticas en poboacións de capacidades e características diversas”, explica Rodríguez Vázquez.  Completa o cadro de poñentes plenarios o profesor Carlos Acuña, catedrático de Lingüística inglesa na Universidade de Santiago de Compostela, que dará –mañá venres pola tarde- a conferencia de clausura sobre a interacción de dúas funcións da lingua, a función da articulación interna do pensamento, e a función comunicativa, a través da análise de fenómenos lingüístico concretos.

Xunto a estes conferenciantes o congreso conta tamén coa participación dunha ducia de investigadores procedentes de centros de investigación e de diferentes universidades, “por suposto as galegas, pero tamén portuguesas, españolas, alemás e brasileiras”, recalca a directora do laboratorio, ao que engade que a maior parte das arredor de medio cento de persoas que están a participar nesta cita pertencen ao ámbito académico, incluíndo tanto alumnado de grao, mestrado e doutoramento, como persoal docente e investigador de diversas universidades.

Os primeiros equipos técnicos chegarán en breve ao laboratorio

O Laboratorio de Linguaxe e Cognición arrancou a súa actividade en novembro de 2018 na Facultade de Filoloxía e Tradución grazas á concesión dunha axuda de preto de 300.000 euros por parte do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades. A Universidade de Vigo iniciaba así un proxecto que dotaría á institución académica viguesa dunhas instalacións pioneiras que lle facilitarán converterse no referente europeo “na análise experimental da lingua e a fala en xeral, e das linguas e as falas, en particular”, tal e como subliñaron  os seus directores Rosalía Rodríguez Vázquez e Miguel Cuevas, investigadores do grupo de investigación LVTC (Language Variation and Textual Categorisation) no día da súa inauguración.

Agora, cando está a piques de cumprirse o primeiro aniversario de posta en marcha do laboratorio, os responsables do centro explican que nestes primeiros meses se centraron na posta en marcha da actividade investigadora no laboratorio. “Contratamos dúas investigadoras que están a desenvolver as súas teses de doutoramento en temas de lingüística experimental”, explica Rodríguez Vázquez. Ademais, ao longo destes meses completouse tamén o proceso de licitación dos equipamentos e, en breve, estes equipos comezarán a chegar ao laboratorio. “Concretamente, recibiremos equipamento de electroencefalografía (EEG) e espectroscopia del infravermello cercano cerebral (NIRS) cos que levaremos a cabo investigación sobre activación cerebral ante estímulos lingüísticos, xestuais, musicais, etc., e procesamento deses estímulos”, apunta a directora do laboratorio.