Unhas xornadas europeas analizarán en Santiago os días 28 e 29 de setembro o futuro das pensións

Organizadas por Lídia Senra e MODEPEN, participarán ponentes de Irlanda, Portugal, Grecia, Francia, Finlandia, Suecia e do resto do Estado español
Publicado por o día 23/09/2018 na sección de Política,AGE,Eventos

Unhas xornadas europeas analizarán en Santiago os días 28 e 29 de setembro o futuro das pensións

Unhas xornadas europeas analizarán os días 28 e 29 de setembro no Palacio de Congresos de Santiago O futuro das pensións na Galiza, no Estado español e en Europa. Así o anunciou a eurodeputada Lídia Senra, membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), Victoria Portas, portavoz da Coordinadora Estatal pola Defensa do Sistema Público de Pensións e integrante do Movemento Galego pola Defensa das Pensións Públicas (MODEPEN), e o escritor e economista, tamén membro de MODEPEN, Xabier Pérez Davila, que ofreceron unha rolda de prensa conxunta en Compostela para dar a coñecer todos os detalles deste importante evento, no que participarán persoas referentes que teñen experiencia no traballo da defensa das pensións e do sistema público en distintos Estados, co obxectivo de poñer en común as situacións de ameaza das pensións públicas dignas polos intentos do capitalismo e neoliberalismo de enriquecerse cada vez máis a costa do erario de todos e de todas.

Na comparecencia ante a prensa desde martes, Lídia Senra reclamou que se cumpra o Artigo 25 da Carta dos Dereitos Fundamentais da UE, que recolle que a UE recoñece e respecta o dereito das persoas maiores a levar unha vida digna e independente. “Para iso é necesario un nivel de pensións digno e iso é totalmente contrario ao que está pasando. Temos que garantir este dereito e reforzar os sitemas públicos de pensións e as pensións dignas a través dos orzamentos”, reclamou.

Así, a eurodeputada arremeteu contra o regulamento que está en negociación na UE para crear o chamado Produto Panaeuropeo de Pensións Individuais (PEPP) e que abre o camiño a favorecer o mercado dos plans de pensións privadas a iniciativa da Comisión Europea. “É terrible que a CE, o Parlamento Europeo e o Consello Europeo estean máis preocupados por favorecer os intereses das empresas privadas que se dedican ao negocio das pensións privadas, dos bancos, das aseguradoras, etc, que de impulsar o sistema público a través dos orzamentos”, dixo, e criticou que se vaia obrigar ás persoas a que ter ou non unha pensión digna vai depender dos seus aforros e do seu nivel de ingresos e economía persoal, o que aumentará aínda máis a fenda social económica que xa hai a día de hoxe. Tamén criticou que a proposta non se vaia votar no pleno do Parlamento Europeo, senón que pase a negociarse directamente desde a Comisión de Economía, o que vai en “detrimento da democracia” e lamentou que os votos non foran suficientes para frear esta situación, tal e como propuxera o GUE/NGL. Así, pediu a súa retirada e asegurou que seguirá traballando e insistindo para que non se saque adiante o chamado PEPP.

Na mesma liña, Xabier Perez Davila, que definiu os sistemas de pensións públicos como o principal instrumento de loita contra a pobreza entre as persoas maiores, explicou que o PEPP vai na dirección xa posta en marcha desde 1994 polo Banco Mundial, cando comezou a promover a privatizacion parcial do sistema de pensións públicas e a ceder espazo aos fondos privados de capitalizacion. “A CE escribe que en moitos Estados europeos as pensións públicas son insuficientes e ao ler iso un agarda que a CE propoña que se debe facer todo para reconducir esta situación e que sexan axeitadas, pero sen embargo a CE conclúe que hai que fomentar un produto financeiro privado, non público de protección social. A desvergoña da CE é tal que chega a propor que se invista este produto en derivados. A orixe da crise financeira máis importante da historia do capitalismo estivo nos produtos derivados organizados sobre as hipotecas subprime e agora, co PEPP, a CE, nunha irresponsabilidade maiúscula, propón que os traballadores invistan os seus aforros en produtos derivados”, denunciou Pérez Davila. Por iso, o economista defendeu a importancia das xornadas que terán lugar en Santiago a finais de mes para avanzar en chegar a respostas de nivel supraestatal e crear instrumentos de coordinación máis alá das fronteiras nacionais para loitar contra esta agresión internacional. “É necesario organizar a resistencia global e neste sentido van estas xornadas”.

Igualmente, Victoria Portas criticou que “a pesar de que a UE non ten competencias en Seguridade Social sobre os Estados membros, impulsa produtos como o PEPP que, por debaixo da mesa, si vai afectar a normativas de Seguridade Social sen que iso lle pase factura electoral a ningún goberno de Estado membro”. Por iso, ve interesante ter intercambios con xente de países rescatados de Europa e doutros que non o foron, para organizarse e dar unha resposta, ver que hai alternativas políticas sociais que Gobernos como o noso non están levando a cabo agora, xa que están traballando directamente para o capitalismo e neoliberalismo, privatizando todos os servizos sociais en contra dunha politica social que á clase traballadora lle custou moito conseguir no seu día . “Os recortes en Grecia provocaron que as persoas perderan o 50% da súa pensión. Iso pasou nun Estado da UE, non en países de fóra, e pasou para que poideran enriquecerse aínda máis o capitalismo e as entidades privadas”, denunciou. Portas reivindicou que outro tipo de política social é posible e que nas xornadas se poderá aprender das experiencias que están acontecendo en Portugal ou nos países nórdicos, por exemplo. Cooperación e coordinación entre Estados é fundamental para lograr uns sistema públicos de pensións digno e sostible, concluiu.

Durante os dous días que durará o congreso, haberá unha parte o venres pola mañá centrada nas experiencias dos países rescatados de Europa, na que a través de dous coloquios participarán Dimítris Stratoúlis, ex vice-ministro da Seguridade Social e membro do Secretariado Político de Unidade Popular de GreciaMaría Isabel Lemos, membro da Direcção Nacional da Inter-Reformados/Confederação Geral dos Trabalhadores Portuguesses-Intersindical Nacional (CGTP-IN); e John Brady, deputado no Parlamento de Irlanda polo Sinn Féin, por unha banda. E por outra, a propia Victoria Portas, Xabier Pérez Davila e o doutor en Dereito, inspector de Traballo e Seguridade Social e profesor na Universidade de Valencia Héctor Illueca, xunto con Ramón Franquesa, profesor de Economía na Universidade de Barcelona. Xa o venres pola tarde, haberá un coloquio para abordar experiencias noutros países europeos, con Christophe Janot, secretario federal da Federación Nacional de Industrias Químicas de Francia (FNIC)Birgitta Sevejford, antiga alcaldesa do Consello do Condado de Estocolmo; e Henri Purje, asesor de política económica do grupo da Alianza de Esquerda no Parlamento de Finlandia.

Ao día seguinte, o sábado 29, haberá un relatorio de Carolina Gala Durán, profesora de Dereito do Traballo e da Seguridad Social da Universidade Autónoma de Barcelona sobre “Muller, pensións e atención ás persoas dependentes”, que será introducida por Miguel Arenas, avogado laboralista, profesor colaborador na Universitat Oberta de Catalunya. E a continuación terá lugar unha charla sobre “Reparto ou capitalación”, con Miren Etxezarreta, economista, profesora da Universidade Autónoma de Barcelona.

No evento tamén parciparán a deputada de En Marea no Parlamento Galego Paula Vázquez Verao e a concelleira de Políticas Sociais de Santiago, Concha Fernández.