O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha resolución da Consellería do Medio Rural pola que se concretan as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Trioza erytreae Del Guercio ou psílido africano dos cítricos. Nun anexo desta resolución especifícanse, mediante un mapa, os concellos demarcados. A maiores, as parroquias dos concellos demarcados veñen detallados na páxina web oficial.
O documento inclúe ademais medidas para facilitar o movemento e a venda de vexetais de especies sensibles, especialmente cítricos. Así, como consecuencia da evolución dos coñecementos científicos e técnicos, así como das avaliacións de riscos de pragas levadas a cabo, recentemente publicadas pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA), modificáronse os requisitos normativos para a súa comercialización. Desta forma, permítese establecer o concepto de zona libre de Trioza erytreae e ademais autorízase o movemento e a venda de vexetais de especies sensibles procedentes de viveiros con protección física, sempre que recibisen inspección previa no viveiro e que nos 200 metros ao redor do mesmo non se detectara a presenza do insecto.
Na resolución determínanse, así mesmo, os requirimentos especiais para a venda destes vexetais, que entre outras condicións deberá realizarse en recipientes ou envases pechados, para garantir que a infestación polo organismo especificado non poida ocorrer. A maiores, indícase que o traslado de vexetais e produtos vexetais de especies sensibles procedentes dunha zona demarcada, ou dentro da mesma, acompañarase sempre dun pasaporte fitosanitario. Tamén, que na súa comercialización, irán acompañados dun folleto explicativo sobre os riscos da enfermidade e sobre as restricións ao movemento das plantas, unha información que se indica nun dos anexos da resolución.
Ademais, no documento que hoxe publica o DOG tamén se establece que os viveiros, centros de xardinería ou calquera outro establecemento comercial, incluída a venda en mercados locais e feiras, manterán polo menos durante tres anos o rexistro dos vexetais recibidos, dos vexetais de especies sensibles vendidos e dos destinatarios desas vendas.
O psílido africano dos cítricos, Trioza erytreae, é unha praga regulada na normativa comunitaria. Trátase dun vector de transmisión da bacteria que causa o Huang Long Bing (HLB) ou enverdecemento (“greening”) dos cítricos. O HLB, á súa vez organismo regulado na UE, deteriora a calidade e sabor do froito podendo en poucos anos matar a árbore afectada. Por iso é de gran importancia impedir a aparición do insecto vector, e no caso de que apareza, determinar a súa distribución, actuar con rapidez e eficacia, e combatelo co fin de evitar a súa propagación e erradicalo. Cómpre matizar que, ata o momento, ningunha das árbores nas que se detectou o psílido estaba afectada por esta enfermidade.
Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200508/AnuncioG0426-040520-0004_gl.html
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.