A Xunta lembra que as persoas sen fogar teñen á súa disposición unha ampla rede de recursos para protexerse das baixas temperaturas e as inclemencias do tempo durante a vaga de frío que está a atravesar a Península Ibérica. O Goberno galego, a través de diferentes liñas de axuda e subvencións, colabora na financiación de prazas nas catro provincias galegas.
A Comunidade conta nestes momentos con máis de 300 prazas neste tipo de centros, pero, ademais dun recurso temporal para resgardarse das baixas temperaturas, a meirande parte deles conta con servizos de restauración, aloxamento e orientación profesional, así como de aseo persoal, lavandería e atención e acompañamento social.
Para garantir a atención a un dos colectivos máis vulnerables da sociedade, a Xunta elaborou un Plan pioneiro de atención ás persoas sen fogar, dotado con 73 millóns de euros e cuxas principais medidas xa se están a poñer en marcha. Neste sentido, os orzamentos para este ano da Consellería de Política Social tamén inclúen un investimento histórico, de 18 millóns de euros, que están a disposición das entidades dedicadas á inclusión social.
Para axudar ás persoas sen fogar é fundamental en moitas ocasións a colaboración de toda a sociedade á hora de recorrer aos servizos sociais en caso de detectar algún caso de desprotección.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.