Gandería industrial na Limia e eutrofización do encoro das Conchas

Publicado por o día 03/10/2019 na sección de Medio Ambiente,Agricultura e Gandería,Social,Sociedade Galega de Historia Natural

Gandería industrial na Limia e eutrofización do encoro das Conchas

Negacionismo…

A semana pasada os medios de comunicación fixéronse eco do comunicado de prensa “El Grupo Coren presentó a la Mesa da Limia su plan de acción ambiental para el desarrollo sostenible de la comarca”. No dito comunicado afírmase textualmente o seguinte: “Coren puso de manifiesto en el encuentro que no existe informe alguno que demuestre que la situación del embalse de As Conchas se debe a supuestas malas prácticas con el uso de residuos ganaderos. La proliferación de cianobacterias se registra cada verano en otros muchos embalses con bajo nivel de agua y deficiente sistema de depuración de aguas residuales de la red urbana.”

…e evidencias científicas

Vai facer xa cinco anos que SGHN enviou á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Dirección General del Agua do MAGRAMA a “Análise estatística, xeo-hidrográfica, demográfica e de carga gandeira realizada por SGHN”, baseada no “Estudio do CSIC sobre a orixe da carga de nutrientes no río Limia” que fora encargado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil. A análise feita por SGHN divulgouse aos medios de comunicación e publicouse nesta web (ver máis).

Á vista do comunicado que COREN enviou aos medios, SGHN considera necesario reiterar as súas conclusións de hai cinco anos:

Orixe urbana dos nitratos

Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fosen vertidos de augas residuais urbanas insuficientemente depuradas cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados aos principais núcleos de poboación, especialmente ó núcleo urbán de Xinzo de Limia que concentra máis dun terzo de toda a poboación da chaira da Limia. Os resultados desbotan esta posibilidade.

Orixe gandeira dos nitratos

Se a orixe maioritaria da contaminación por nitratos na chaira da Limia fose a mala xestión dos residuos orgánicos das granxas industriais cabería esperar que os niveis máis altos de contaminación estivesen asociados a lugares nos que se concentra a produción (macro-granxas) ou o almacenamento (esterqueiras, fosas de puríns inadecuadas) destes residuos. Os resultados confirman sen dúbida esta posibilidade para os dous puntos estudados que presentan os niveis máis altos de contaminación.

Demografía e gandería

O encoro das Conchas (8 km augas abaixo da chaira da Limia) construíse en 1949. Durante medio século as súas augas mantivéronse limpas, malia soportar os vertidos das augas residuais do dobre da poboación actual e sen tratamento de depuración algún. A partires de 1989 a gandería industrial comezou a crecer de xeito espectacular e sostido na chaira da Limia. O gando estabulado está a aumentar anualmente unhas 2.200-2.300 UGM. Tralo cambio de século, cunha poboación reducida un 40% respecto de 1950, pero cunha carga gandeira xa superior a 40.000 UGM comezaron os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas nas Conchas. Os últimos datos oficiais dispoñibles indican que na chaira da Limia:

  • A poboación era de 19.523 habitantes en 2013.
  • A carga gandeira era de 62.547 UGM no ano 2009, polo que tendo en conta o seu ritmo constante de crecemento (ver gráfico) na actualidade alcanzaría xa as 75.000 UGM, que en produción de residuos equivalen a unha poboación de 1.400.000 – 1.600.000 persoas. Noutras palabras: á metade de toda a poboación de Galicia concentrada en só o 1% da súa superficie.

A evolución histórica contraposta da poboación humana e a gandería industrial na chaira da Limia xa suxería con claridade que a grave eutrofización do encoro das Conchas e os episodios de proliferación de cianobacterias tóxicas recurrentes nos últimos anos non podían deberse a vertidos urbanos insuficientemente depurados senón aos residuos mal xestionados dunha carga gandeira desorbitada. Os datos do estudo do CSIC corroborárono.

A que agardan para actuar?

Hai vinte anos que SGHN se opuso á construción da primeira macro-granxa industrial na Limia. Nos últimos 12 anos, SGHN dirixiu perto de 40 escritos ás “autoridades competentes” advertindo dos riscos para o medio ambiente e a saúde das persoas. De momento segue a gañar o “negacionismo” dos problemas da calidade das augas na bacía do río Limia. Terá que aparecer unha Greta Thunberg nun instituto de Xinzo de Limia reclamándolle as “autoridades competentes” que lle garantan o seu dereito a unha auga limpa e potable?