O SLG leva a vulneración de dereitos de Pilar Fernández en Abadín ao Consello Galego de Benestar

Publicado por o día 18/03/2019 na sección de Sindicatos,Sindicato Labrego Galego

O SLG leva a vulneración de dereitos de Pilar Fernández en Abadín ao Consello Galego de Benestar

O pasado 8 de marzo, a Asemblea de Galegas 8M na Terra Chá facía público o seu apoio a Pilar Fernández López, unha muller de Abeledo (Abadín) que precisa unha cadeira de rodas para moverse e que, por mor dunhas obras na estrada, quedou sen acceso para entrar e saír da súa casa sen axuda doutra persoa (poden consultar todos os antecedentes no documento “Cronoloxía dunha inxustiza” que se achega con este comunicado).

Pilar leva denunciando este problema dende o ano 2013, tanto no propio Concello de Abadín, que está a poñer todo tipo de atrancos para desentenderse do tema, como diante da Valedora do Pobo.

Neste contexto, o Sindicato Labrego Galego decidiu dar un paso máis alá á hora de denunciar a vulneración dos dereitos de Pilar Fernández por parte do Concello de Abadín e introducir o tema na orde do día do Consello Galego de Benestar (CGB) que se celebrará este mércores, 20 de marzo. Participará nesta xuntanza, en representación do SLG, Ana Eiras, que é vogal do CGB. Na xuntanza do CGB, a representante do SLG pedirá que “se estude a posibilidade de emprender algunha actuación” para darlle unha solución o máis rápida posible a este problema.

CRONOLOXÍA DUNHA INXUSTIZA

Pilar Fernández López naceu nunha casa no Coto, Abeledo, concello de Abadín. Trátase da casa na que aínda segue vivindo.
Pili ten mobilidade reducida cun grao de discapacidade do 84% e precisa cadeira de rodas.
Fai uns corenta anos botóuselle pedra ao camiño que pasa xusto por diante da casa e converteuse nunha pista que quedaba practicamente ó nivel da entrada da casa.
Dende hai vinte anos a pista foi asfaltada como mínimo tres veces, polo que o nivel da mesma pasou máis de 12 centímetros por riba da entrada da casa.

Dende aquela pasou o que vos contamos a continuación:

9 de setembro de 2013:
Pili ten coñecemento de que van volver botar aglomerado sobre a pista e presenta un escrito ante o concello de Abadín solicitando que nese novo amaño non so non aumente se non que se elimine
a barreira. Non recibe resposta.

27 de outubro de 2014:
Pili presenta un novo escrito no concello de Abadín facendo referencia ao anterior e acompañando fotos da barreira e de que a pista, tal como quedou, mete auga para a casa. Volve solicitar a eliminación da barreira ao amparo da Lei 8/1997 de accesibilidade e supresión de barreira en Galicia (Decreto 35/200 de 280 de xaneiro. Non recibe resposta.

12 de novembro de 2015:
Pili presenta un escrito explicando o seu caso ante a Valedora do pobo con número de expediente G.6.Q/23517/15 e queda rexistrado e día 16 de novembro de 2015.

Do 24 abril ao 6 de xuño de 2016:
Un grupo de 56 persoas asinan un novo escrito para presentarllo á Valedora do pobo explicando a situación de Pili e solicitando a súa intervención para que a casa de Pili quede en perfectas condicións de accesibilidade e saneamento. Ademais preséntase un informe técnico dun arquitecto valorando en 5600€ mais ive o custo de retirar a barreira. Os número de expediente da Valedora son G.6.Q/12414/16 e G.6.Q/12470/16.

8 de setembro de 2016:
Dona Milagros María Otero Parga, Valedora do pobo contesta dicindo que iniciou “xestións directas co concello”, que falou co alcalde de Abadín. O alcalde dixo que xa o intentara e que ademais
había dificultades técnicas. Por esta razón a Valedora pediu ao Concello un informe técnico sobre a solución do problema e que tan pronto como recibira o preceptivo informe do concello, se poñería en contacto de novo de novo para dar conta das actuacións.

17 de outubro de 2016:
Recibimos escrito da Valedora do pobo indicando que “O Concello de Abadín persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións”. Vense obrigados a recordar ao concello o seu deber de colaborar.

17 de novembro de 2016:
Recibimos de novo un escrito da Valedora do pobo indicando, igual que un mes antes, que “O Concello de Abadín persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa
queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións”. Tamén indica que no caso de que persista procederán a facer unha advertencia sobre as consecuencias legais e que lamenta o atraso.

25 de novembro de 2016:
Recibimos de novo un escrito da Valedora do pobo no que di que o alcalde contestou. Dixo que non lle fora posible poñerse en contacto co redactor do proxecto e que desexaba tal cousa para concretar todos os extremos do mesmo. A Valedora di que o mais adecuado é que iniciemos conversas co alcalde e que, como parece previsible que comecen os tramites para arranxar o problema, procede a conclusión do expediente.

22 de decembro de 2016:
O Alcalde de Abadín concerta unha cita cun representante do grupo de apoio para darlle unha solución “rápida” a todo este asunto.

Un tempo despois prodúcese esa xuntanza cunha comida nun ambiente de suma cordialidade e empatía. Coincidimos na necesidade e na viabilidade dunha saída para este problema; non se ven especiais atrancos porque a obra era facilmente asumible xa que o concello ten moita liquidez nas contas.

10 de outubro de 2017:
Enviamos un novo escrito á valedora indicando o seguinte:

 Seguimos pensando que o concello de Abadín tiña unha estratexia para adiar a resolución do problema ata que vaia esmorecendo.
 Que se celebrou unha xuntanza o alcalde de Abadín.
 Que nesa xuntanza o alcalde expresou a súa intención de amañar o problema no verán, co bo tempo.
 Que a partir de mediados do verán o alcalde deixou de contestar ás chamadas e as mensaxes.
E por todo isto volvemos solicitar a intervención da Valedora para que con urxencia solicite ás administracións que retiren a barreira.

17 de novembro de 2017:
A Valedora do pobo acusa recibo do escrito anterior e de novo insta ao concello de Abadín a que no prazo de 15 días facilite información sobre este problema.

27 de decembro de 2017:
A Valedora do pobo indica que aínda non recibiron informe ningún do Concello de Abadín polo que lle recordan a ese concello que teñen a obriga de facelo.

29 de xaneiro de 2018:
Recibimos de novo un escrito da Valedora do pobo indicando, igual que un mes antes, que “O Concello de Abadín persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa
queixa, a pesar de que a demandamos en dúas ocasións”. Tamén indica que no caso de que persista procederán a facer unha advertencia sobre as consecuencias legais e que lamenta o atraso. (igual que no escrito de 270 de novembro de 2016).

5 de marzo de 2018:
Recibimos de novo un escrito da Valedora do pobo indicando que “O Concello de Abadín persiste na súa actitude de non enviar a información requirida en relación coa súa queixa, a pesar de que a
demandamos en tres ocasións”. Fanlle ao concello un recordatorio dos seus deberes legais e dánlle 5 días de prazo para enviar a resposta.

12 de abril de 2018:
Recibimos de novo un escrito da Valedora do pobo indicando non se recibiu o informe reiteradamente requirido nin ningunha comunicación xustificativa do atraso. Lembráselle que isto pode ser constitutivo de delito de desobediencia, tanto por parte da autoridade como do funcionario que obstaculizara a investigación desa institución.

11 de xuño de 2018:
A Valedora trasládanos a recomendación que con esa mesma data enviou ao Concello de Abadín. Logo de expoñer os antecedentes do caso e de facer unha análise, recomenda ao concello de Abadín que “con urxencia se realice a adaptación pendente, que resulta viable e razoable, e que ademais é consecuencia dunha actuación anterior nunha estrada municipal.” Danlle ao Concello un prazo dun mes para dar conta da aceptación desta recomendación.

12 de xullo de 2018:
A Valedora reitera ao concello a necesidade de contestación.

5 de setembro de 2018:
A Valedora reitera ao concello a necesidade de contestación.

8 de outubro de 2018:
A Valedora, tendo en conta os reiterados requirimento de contestación, dá un novo prazo de 5 días para que o Concello de Abadín dea resposta.

14 de novembro de 2018:
Ante a non contestación por parte do Concello de Abadín a Valedora do Pobo, amparada polo artigo 32.2 da Lei 6/1984 de 5 de xuño do Valedor do Pobo, decide incluír o asunto no informe ao Parlamento, con mención dos nomes das autoridades ou funcionarios que persistan nesa actitude.

E con isto procede ao arquivo do expediente.

22 de novembro de 2018:
“Visto o arquivo do expediente” solicitamos ter unha xuntanza coa Valedora do pobo coa máxima urxencia posible.

04 de decembro de 2018:
Entrevista do grupo de apoio coa Valedora na que propón novamente falar co alcalde porque el dí que a barreira vaise amañar…, pero sen concretar prazo ningún.

Primeiros de 2019.
A Valedora presenta o Informe de Accesibilidade de Galicia, un informe de 665 páxinas que recolle na páxina 60 o caso de Pili.
http://www.parlamentodegalicia.es/sitios/web/Informes/INFORME%20EXTRAORDINARIO%20A%20ACCESIBILIDADE%20EN%20GALICIA.pdf

8 de Marzo de 2019.
Na manifestación polo Día da Muller de Vilalba exponse o caso de Pili e dáse lectura a un manifesto que a propia Pili fixo sobre o seu caso.

9 de marzo de 2019.
A Rede de apoio a Pili de Abeledo bota a andar unha petición en change.org
https://www.change.org/p/gp-pp-parlamentodegalicia-gal-concello-de-abad%C3%ADn-nonm%C3%A1is-violencia-institucional-contra-unha-muller-con-discapacidade
En definitiva, pasaron xa cinco anos e medio dende o primeiro escrito de Pili e aínda non recibiu resposta.

O que para a maioría de nós ė pouca cousa: apenas unha pequena pendente na rúa, algo fácil de amañar, para Pili é unha barreira cada día máis infranqueable. Porque a pesar da súa enorme forza de vontade, Pili ten xa 69 anos e as súas dificultados para desprazarse son cada vez maiores.

En definitiva, o feito de que despois de todo este tempo siga sen poder saír pola porta da súa casa coa cadeira de rodas é, sen máis, unha inxustiza intolerable.