Resultados do informe anual 2017 sobre o estado de saúde dos ríos galegos

O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partir das análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións realizadas, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante o ano 2017.
Publicado por o día 21/02/2018 na sección de Social,ADEGA

Resultados do informe anual 2017 sobre o estado de saúde dos ríos galegos

O informe do estado de saúde dos ríos galegos que presenta o Proxecto Ríos establece unha fotografía do estado ecolóxico dos nosos ríos a partir das análises realizadas durante as campañas de primavera e outono polo voluntariado participante. Preséntanse os resultados das inspeccións realizadas, a metodoloxía empregada na realización do informe e as actividades máis importantes desenvolvidas durante o ano 2017.

En 2017 o voluntariado do Proxecto Ríos determinou que o 41% dos ríos estudados en primavera tiñan moi bo estado de saúde; en outono foron o 25% dos casos. Con estado bo, as porcentaxes se distribúen da seguinte forma: 37% en primavera; 40% en outono. Para os estados moderado e deficiente temos as seguintes porcentaxes: 13% e 6% en primavera respectivamente e 23% e 12% para o outono. Con estado malo apareceu un 3% en primavera.

 

Participación do voluntariado

Dende o ano de inicio do Proxecto Ríos, o número de participantes aumentou considerabelmente. Na actualidade contamos con 376 grupos. Da totalidade dos grupos, enviaron as inspeccións de río o 42%, dato más baixo ao de anos anteriores, pero mellor que en 2016 (41%): 2013 (52%), 2014 (53%) e 2015 (46%). En 2017 recibíronse 158 inspeccións de río, dato similar ao ano 2014 (159) e un dos máis altos dos últimos anos.

En canto á participación por provincias, a provincia de A Coruña é na que máis grupos hai, seguida moi de preto pola de Pontevedra. As porcentaxes entre unha e outra provincia son moi parecidas, 41 e 36% respectivamente. Lugo mantivo as súa porcentaxe de participación no período 2010 – 2016 (13% de media) co 14%. Ourense acadou un 9% no total de número de grupos, porcentaxe moi parecida á de 2015 (11%) e 2016 (10%).
A bacía das Rías Baixas é a que aglutina a maior parte dos grupos participantes e na que máis inspeccións se realizan. Respecto a outros anos (2012-2015), a bacía do Arco Ártabro consolídase como segunda conca máis estudada polo voluntariado cun 25%. A conca dos ríos que verten ao Cantábrico volveu a valores de 2013 e 2015, cun 6%, mentres que a do Limia – Douro, cun 2% rexistra o valor máis baixo dende o inicio do Proxecto.

Calidade dos ríos

En función dos datos recollidos polo voluntariado sobre a calidade dos ríos, podemos concluír que en 2017 se observa unha diminución na porcentaxe de ríos en moi bo estado tanto na primavera como no outono. Mantense en 2017 a migración dos treitos en moi bo estado cara a un bo estado de saúde, sobre todo na campaña de outono, datos que se ven apreciando nos últimos anos.

Os treitos con calidade moderada presentan porcentaxes similares ao período 2012 – 2016, cuns valores promedio; porén, na campaña de outono rexistrouse un 23% de treitos con saúde moderada, valor máis alto no período 2012-2016. Os treitos con calidade deficiente volven a valores próximos ao ano 2014 cunha media entre campañas do 9%. Estes valores se corresponden, en primavera, cos ríos Mero (Cambre), Baa (Fene), Limia (Xinzo), Lonia (Ourense), Lagares (Vigo); en outono os ríos con saúde deficiente foron o Gafos(Pontevedra), Ulla (Touro), Veiga (Guitiriz), dous treitos do Mero (Cambre), o Xaralleira (Bergondo) e o Limia (Xinzo).


En canto aos treitos con mala calidade, temos en 2017 3 treitos todos en primavera: O Arteixo ao seu paso polo polígono industrial de Arteixo, o Mero en Cambre e o Rabaceiras en Lousame asociado á explotación mineira de San Fins.

Calidade do bosque de ribeira

En canto á calidade do bosque de ribeira, dende o inicio do proxecto, e moito máis nos últimos anos, estableceuse unha tendencia que manifestaba a situación de degradación na que se atopa o bosque de galería que acompaña aos ríos. En 2017 os resultados son moi parecidos a 2015 e 2016. Arredor do 40% das masas de árbores do bosque de ribeira se atoparon en bo estado de conservación. En 2014 a media de marxes moi degradadas en primavera foi do 18%; en 2015 do 19%; en 2016 acadou o 21% e en 2017 chega ata o 24%. Una causa pode ser que as marxes con alteracións importantes evolucionan cara a degradación en vez de cara a recuperación.

Polo tanto, máis do 50% dos ríos estudados, tanto en primavera como en outono, presentan un bosque de ribiera en mal estado de conservación ben con alteracións importantes ou moi degradado, que en moitos casos a presenza de especies exóticas invasoras é determinante. Os treitos estudados coas dúas marxes moi degradadas correspóndense cos ríos Gafos, Gallo, Sarela, Umia, Lagar, Lagares, Miño, Mero e Limia entre outros.

Calidade do hábitat

En canto á calidade do hábitat, os datos aportados polo voluntariado revelaron que os valores en 2017 foron moi parecidos aos anos 2015 e 2016, con máis da metade dos treitos estudados, tanto en primavera como en outono, con hábitats ben constituídos (64% en primavera e 68% en outono). Aínda así, máis do 30% dos treitos de río estudados amosaron alteracións e degradación no seu hábitat, que se corresponden, como ven sendo habitual, con treitos de río canalizados ou con déficit hídrico como o Limia ao seu paso por Xinzo.